Ana Martínez manifestou que “son días intensos de traballo os que estamos a ter aquí en Madrid na Feira Internacional de Turismo e que onte tiveron unha xornada especial onde o Concello de Ribadeo e a asociación de comerciantes de Ribadeo, Acisa, tivemos a oportunidade de presentar de xeito internacional ese magnífico evento histórico, cultural e turístico, como é o Ribadeo Indiano. Foi unha xornada emotiva, onde a participación na Casa de Galicia en Madrid, na delegación da Xunta, se viu desbordada por un gran número de persoas tanto ribadenses afincados na capital como xente que se quixo achegar dende o mundo do xornalismo, de diferentes administracións como foi o caso do Embaixador de Arxentina en España ou da Agregada Cultural da Embaixada cubana, e dentro das diferentes representacións das administracións dende a Xunta e da Deputación. Tamén puidemos disfrutar da compañía de moitos veciños que, afincados aquí en Madrid, se achegaron e incluso de xente que dende Ribadeo veu apoiar este evento”.

A edil ribadense subliñou que “foi probablemente a noite máis internacional do Ribadeo Indiano, onde tanto a representación do Concello, o alcalde e máis eu, como a representación da asociación de comerciantes, co seu presidente Francisco Iriarte, e o xerente, Jesús Pérez, tivemos a grata experiencia de poder transmitir todo o que supón este traballo conxunto, este pulso que recollemos da sociedade ribadense e que estamos a difundir a través do mundo. Acompañounos tamén a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, profesora de hHstoria de América, Pilar Cagiao, e outros académicos que se achegaron para estar con nós, e poder presentar todo este compoñente histórico e que transmite dun xeito tan real, porque transformamos Ribadeo nun escenario próximo a finais do século XIX e principios do XX, do que supón por un lado o drama da emigración e por outro esa capacidade de transformalo nun evento tamén festivo e emotivo”.

A concelleira de Turismo quixo “agradecer a toda esa xente que tamén dende outras partes do mundo nos seguiu a través do facebook. Dende Ribadeo sei que nos estivo seguindo moita xente e dende toda A Mariña, pero tamén agradecer á xente que participou nesas conexións que tivemos con Nova York, Bos Aires, Londres, París a Atenas. Agradecer a eses ribadenses e a eses outros ribadenses de adopción que conectaron con nós. Unha sorpresa que tamén tíñamos, e que non puido estar presente porque nese momento estaba actuando moi pretiño da Casa de Galicia, pero que se quixo achegar cunha gravación que nos enviou dando un saúdo aos ribadenses que participamos e aos que se achegan a participar do Ribadeo Indiano, como é o cantautor cubano Pablo Milanés que nos mandou un afectuoso e agarimoso vídeo”.

Ana Martínez engadiu que “aquí seguimos traballando, seguimos indicando as posibilidades que se teñen para vir a Ribadeo, o que ofrece Ribadeo, a desestacionalización que podemos presentar a través do Camiño de Santiago, e ese futuro Ano Santo 2021 que se nos presenta ás portas cun gran número de oportunidades, e que estamos traballando e potenciando a través dun obradoiro de emprego que pedimos dende o Concello para poder acentuar este traballo. Polo tanto seguimos noutra serie de entrevistas e procurando sempre que Ribadeo estea no alto, que sexa un destino turístico de interese para cada vez máis persoas, e que sexamos un destino de calidade que repercuta no comercio, na hostalería e na economía local no seu conxunto”.