Desde hoxe, 25 de marzo, e ata o 3 de abril estará aberto o prazo de inscrición nas actividades lúdico deportivas que organizan as Concellerías de Deportes e Mocidade e Benestar Social e Familia na Semana Santa co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar.

Desde hoxe, 25 de marzo, e ata o 3 de abril estará aberto o prazo de inscrición nas actividades lúdico deportivas que organizan as Concellerías de Deportes e Mocidade e Benestar Social e Familia na Semana Santa co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. Na presentación participaron os edís Elena Sierra e Francisco José Silvent.
O concelleiro de Deportes explicou que “os días 14, 15 e 16 de abril haberá un mini campamento para nenas e nenos de 4 a 8 anos no Ceip Gregorio Sanz en horario de 10:30 a 14:00 horas. E outro mini campamento para rapazas e rapaces de 9 a 12 anos, que tamén se desenvolverá no Gregorio Sanz de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Ambos contarán con servizo de programa madrugador. O martes, día 15, pola tarde de 16:30 a 19:30 terá lugar unha festa lúdica con inchables, tocador de pintacaras, glitter bar, photocall, xogos e baile. O evento estará aberto a todos os nenos e nenas, estean ou non anotados nas actividades organizadas polo Concello. Iso sí terán que estar acompañados dunha persoa responsable”.
Silvent contou que “a programación de Semana Santa inclúe un encontro xuvenil denominado A mocidade de Ribadeo conta. Está destinado á rapazada maior de 12 anos e terá lugar no Ceip Gregorio Sanz en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Trátase dun espazo de encontro, aberto e plural, onde os mozos e mozas poidan dar resposta ás súas inquedanzas, así como brindarlles oportunidades reais de participación, aprendizaxe e divertimento”.
O edil ribadense seguiu a relatar que “o día 15 de abril está prevista unha actividade interxeracional no Centro de Día de Ribadeo Os anos achegan… aos libros. Está organizada polo CAMP de Ribadeo, o CIFP Porta da Auga e o Concello. Será ás 11:30 horas e os pícaros que asistan de 0 a 3 anos deberán acudir acompañados dunha persoa responsable”.
Silvent dixo que “as prazas para participar en todas estas actividades son limitadas, de aí que sexa preciso inscribirse na Casa da Xuventude, que está situada na rúa Antonio Otero. O prazo está aberto desde hoxe ata o vindeiro 3 abril. O que queremos é facilitar a conciliación familiar e laboral nuns días nos que as nenas e os nenos están de vacacións escolares e nos que seus pais e nais, en moitos casos, traballarán con normalidade”.
O concelleiro de Deportes engadiu que “ademáis do 14 ao 16 de abril terán lugar as xornadas de tecnificación do Real Spórting de Xixón. Neste caso a inscrición debe realizarse en www.thefootballdream.com”.