Nas entrevistas e mesas redondas desta mañá participaron as xogadoras do Burela FS, Jozaine de Olivera e Lidia Mesías, que lles contaron aos rapaces e rapazas o camiño percorrido para chegar a elite mundial do fútbol sala feminino. Tamén falaron do momento deportivo que están a vivir e amosáronse convencidas de poder quedar campionas de liga esta tempada.

Tamén acudiron a esta cita no colexio Sagrado Corazón a alcaldesa de San Tirso de Abres, María Goretti Quintana, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a vicepresidenta 2ª da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e a responsable do Centro de Información á Muller, Luisa González, que analizaron a presenza da muller na política, que foi cambiando moito ao longo dos anos, aínda que todos coincidiron en sinalar que quedan cousas por facer para lograr a igualdade entre mulleres e homes a todos os efectos.

Nas entrevistas do concurso de guións radiofónicos Radiando Igualdade, que tiveron lugar esta mañá tamén participaron profesores do colexio Sagrado Corazón como Mª Carmen Rodríguez Cancelo ou Francisco Javier Rodríguez Veiga, o director da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Hugo García, e a porteira do centro, Esther Paz, que se centraron na presenza da muller no mundo do ensino, da música ou nas rúas de Ribadeo.

Os rapaces e rapazas que participaron nesta intensa mañá de análise posaron cos seus convidados e disfrutaron cos autógrafos e coas fotos que se fixeron coas xogadoras do Burela FS, ás que lles desexan moita sorte no tramo final e decisivo da competición que inician mañá. A Concellaría de Igualdade e o CIM agradécenlles aos alumnos do colexio Sagrado Corazón o seu traballo e aos asistentes a súa participación nesta cita.