O rexedor dixo que “no día de hoxe damos un novo paso importante na consecución dunha residencia de maiores como na que estamos traballando desde hai un tempo aquí en Ribadeo. Hoxe sae publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo este anuncio dun proxecto de demolición do edificio que resta das antigas vivendas de profesores, o último que quedaba en pé e que sacamos a licitación para a súa demolición”.

Fernando Suárez explicou que “ímolo demoler porque se ben nun primeiro momento, cando iniciábamos a construción da residencia alí ao pé, pensábamos que esta vivenda que quedaba dos anos 50 máis ou menos, se podía dedicar a outras cousas con fins sociais, o certo é que unha vez que fomos rematando a residencia, vimos que a calidade urbanística, a calidade da edificación vella se atopaba moi deteriorada, e non se adapta tampouco a ningunha das normativas vixentes de habitabilidade”.

O alcalde ribadense lembrou que “estimamos conveniente, e ademais atendemos a unha reclamación da plataforma a favor da residencia que formamos todos os grupos da Corporación, agás o PP porque se quixo ir no seu momento, e tamén polas asociacións de veciños do concello. Vimos que era mellor demoler esa vivenda e aproveitar toda esta superficie da parcela libre para mellorar a zona verde e de paseo da xente que vai residir na residencia de maiores”.

Suárez Barcia declarou que “ademais da demolición pretendemos realizar todo o peche do perímetro de toda esa parcela, no límite coa beirarrúa existente, e ao mesmo tempo unila na parcela onde se atopa o novo centro para persoas maiores. E ao mesmo tempo queremos colocar unha serie de varandas naquelas zonas onde existan pendentes no chan, así como dotar aos novos paseos que rodean duns parterres, unha serie de actuacións urbanísticas adecuadas e acordes para que a xente que resida alí, esperemos que dentro de non moito, teña un lugar apropiado e moi agradable para vivir os últimos anos da súa vida”.

O alcalde engadiu que “este proxecto que financiamos con fondos municipais e tamén con fondos da Deputación Provincial de Lugo ascende na licitación a uns 73.000 euros. Vai de maneira aberta, co cal todas as empresas que queiran participar teñen no Boletín Oficial da Provincia toda a información necesaria para ver o proxecto e para facer a mellor oferta posible”.