O rexedor explicou que “lamentablemente temos que trasladar á opinión pública e á sociedade de Ribadeo a imposibilidade, por máis que se intentou ata o último momento, para que Ribadeo puidera, como estes últimos anos, facer a declaración da renda aquí no Concello. Un servizo do que se beneficiaban todos os veciños e veciñas que así o desexaran”.

Suárez Barcia indicou que “desgraciadamente a Axencia Tributaria, dependente do Ministerio de Facenda, négase este ano despois de 11 anos de colaboración estreita, asumindo o Concello de Ribadeo os gastos de traslado e todo o que nos requiriu sempre a Axencia Tributaria para que un funcionario deles puidera vir aquí ás dependencias municipais facer as declaracións da xente, este ano négase argumentando que os de Ribadeo poden ir a Foz, xa que non teñen ningún problema para ir alí”.

Para o alcalde ribadense “xa se ve como fan estes señores do goberno do Estado, como fan o contrario do que predican, e en lugar de achegar a administración aos cidadáns, como é o que se debe facer, alónxana e neste caso é algo palmario. A ver como lle explican ás máis de 400 persoas que usaban este servizo, e  ao que fundamentalmente acudía xente maior”.

Fernando Suárez dixo: “este goberno do Estado, que está en funcións e para estar en funcións segue a amolar ben aos veciños de todo o Estado, pero especialmente aos de Ribadeo por caprichos coma este”.

O rexedor lembrou que “once anos levaba en funcionamento este servizo e pasou por diferentes gobernos do Estado, once anos nos que o Concello asinou convenios de colaboración con eles, pagou os gastos de desprazamento dos profesionais para que @s funcionari@s do Ministerio puideran vir aquí a axudar a facer as declaracións da renda”.

Para Suárez Barcia “non ten sentido mais que ganas de amolar, por dicilo dalgunha maneira que non soe mal, son ganas de facerlles unha faena aos veciños e ás veciñas de Ribadeo. E non hai xustificación posible porque levaban once anos prestando este servizo”. E engadiu que “por máis que o intentei cos responsables da Axencia Tributaria, co subdelegado do Goberno en Lugo, e con todo canto medio puidemos ter ao noso alcance foi imposible. Así que polo menos a veciñanza saiba que o Concello de Ribadeo fixo canto puido, pero que a incuria absoluta dos responsables do Estado, do Goberno e do Ministerio de Facenda fan imposible que a declaración da renda se poida facer este ano no Concello, tal e como se veu facendo nos últimos once”.