O Ribadeomuller está de  aniversario, fai dous anos do seu  nacemento, da  posta en marcha deste recurso dixital para substituír dalgunha forma o Ribadeomuller en papel, imposible de soster nunha área xa en permanente crise antes de que estalara  o boom da especulación financieira e económica que está a derrubar  o erguido nos últimos tempos. Explican desde o CIM que “desde aquel ano 2005 no que decidimos crear un boletín para difundir e publicitar as accións e iniciativas que se facían desde o Concello na área de igualdade, noutros puntos da xeografía galega e do resto do mundo a era dixital deu grandes pasos e instalouse case de forma perpetua e como un recurso cuase necesario e imprescindible nas nosas vidas. Froito desa adaptación e de circunstancias extemporáneas naceu este  recurso dixital, este blogue informativo do qué acontece no noso Concello no ámbito da igualdade”.

E engaden que “este blogue Ribadeomuller vai moito máis alá. Con el dámoslle  difusión ás nosas inicativas e proxectos,  e a outros proxectos da contorna. E neste último ano fumos incorporando novos elementos para facelo máis atraínte. Así facemos todos os meses unha suxerencia sobre unha lectura en calquer xénero, comenzamos tamén a desenvolver entrevistas ás persoas protagonistas dos proxectos e iremos incorporando pouco a pouco novos apartados. Porque o blogue Ribadeomuller vai medrando co pasar dos días, non se estanca, non se oxida… vai reinventándose”.

O blogue leva un total de 11.686 visitas. “Con respecto ao ano pasado a estas alturas levamos medio millar de visitas máis. Imos lentamente pero avanzando”, din desde o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo. “Dous ou tres post á semán ven a ser a nosa media informativa. Sigue fallándonos a participación, xa que quixeramos facer algo máis dinámico, máis interactivo. Seguiremos na súa procura. Este ano a Concellaría de Igualdade, a iniciativa da Concellaría de Novas Tecnoloxias, creou uns perfís propios nas redes sociais, tanto no Facebook como no Twiter, contribuíndo así a unha maior difusión do Ribadeomuller”, contan desde o CIM.