Suárez Barcia declarou que “temos preocupación polos datos que se están revelando no estado, en Galicia e na Mariña e desde logo que Ribadeo tampouco pode ser unha excepción. A día de hoxe os datos oficiais din que temos 50 casos a 14 días. Pero falando de Ribadeo tamén vemos varias cousas que compre ter en conta porque, por unha banda, vemos que a hostalería funciona ben, está a actuar con compromiso e dilixencia, pero preocupados loxicamente polo que a Xunta poida decretar”.

O alcalde ribadense dixo que “vemos tamén que a cidadanía en termos xerais, que poderíamos dicir unánimes, faino ben. Non é que o diga eu, calquera pode botar un ollo ás rúas cheas de xente e todas as persoas están coa máscara posta, tanto en interiores como en exteriores. Vemos tamén que a xente masivamente vacínase, aínda que algunhas persoas, non moitas, de xeito obtuso e totalmente errado, ao noso xuízo, non queren poñer a vacina e non se quere inmunizar co que isto supón para eles e para os que están ao seu redor”.

O rexedor indicou que “tamén estamos a ver, en numerosos casos, queixas polas enormes demoras nos sistemas de rastrexo e probas PCR. Sabemos de moitos casos de xente que se confina por precaución, por teren contactos estreitos con outras persoas positivas, e teñen que agardar durante días para que lles dean unha cita para facer a PCR, cita que ás veces chega con moita demora e outras seguen agardando aínda”.

Para Suárez Barcia “isto é algo que a Xunta debera corrixir e reforzar con contundencia porque sen un bo sistema de control e localización quizais se acaben tomando medidas inxustamente contundentes contra unha poboación que non está actuando nada mal”.