O alcalde contou que “como cada mércores acabamos de ter a vídeo xuntanza semanal cos responsables da Consellería de Sanidade onde, en liñas xerais, indican que o brote da Mariña afortunadamente está moi reducido”.

Suárez Barcia explicou que “en total son uns 24 casos en toda A Mariña, no que un deles é de Ribadeo. Segundo as fontes oficiais trátase dun caso importado. Xa se realizaron, nestes últimos momentos, as probas ao círculo da persoa afectada resultando todos eles negativos, afortunadamente”.

Para o alcalde: “este feito indica dúas cousas que debemos ter moi en conta de aquí en diante, por se non as tíñamos: por unha banda, que isto vai ser normal de aquí en diante, á vista do que está a pasar en numerosos concellos, barrios e territorios, sexan autonomías, a nivel estado ou internacional, polo que mentres non haxa unha transmisión comunitaria descontrolada debemos estar tranquilos e seguir o noso día a día; e por outra banda, isto indica que temos todos e todas que actuar moi ben en canto á nosa relación familiar, social, etc…, e que debemos seguir sendo precavidos e tentar cumprir as diferentes normas e recomendacións sanitarias para controlar este virus”.