O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “coma todos os días, sempre que manden os datos, e mentres non remita esta situación especial, publico o correo recibido da Consellería de Sanidade da Xunta. No día de hoxe seguimos igual ca onte e antonte, con tres positivos, mantendo o número de contactos estreitos en seguimento en 18”.

O rexedor lembrou novamente que “o mellor que todas e todos podemos facer é seguir actuando coa precaución debida para ir mellorando e saíndo desta incerta espiral na que estamos metidos. Fagámolo así. Bo domingo”.

Nas súas redes sociais Suárez Barcia aproveitou para dicir “por se non se interpreta ben a foto que publico a diario, que os datos recibidos da Xunta son meramente estatísticos e non suxeitos a interpretación nin valoración polo Concello de Ribadeo. Tan só publicamos o que nos mandan por un principio de transparencia moi acaído sempre, e máis nestes tempos. Nin sabemos se son todos os que son, nin se están actualizados ao minuto ou calquera outra interpretación. Os Concellos non temos capacidades sanitarias para poder contrastar de xeito legal e fiable esta información e moito menos poderiamos vulnerar as leis de protección de datos de carácter persoal”.

E engadiu: “digo igualmente que hai días decidín publicar estes datos á vista da numerosa rumoroloxía que se estendía entre a poboación. Polo tanto, a información que recibe o Concello de xeito oficial, é a mesma que difundimos para coñecemento xeral, nin máis, nin menos”.