A actuación das alumnas e alumnos de danza da EMMeD de Ribadeo terá lugar este venres, 29 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval. Co gallo do día internacional da danza, 77 nenas e nenos farán un percorrido por diferentes ritmos do mundo da man da profesora María Justo. Un espectáculo que permitirá viaxar ao público ao compás da música e máis da danza ao Xapón, á India ou a diferentes países árabes.

O sábado, 30 de abril, ás 20.30 horas, tamén no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo terá lugar un concerto de música de cámara da EMMeD de Ribadeo. Nel actuarán o cuarteto de trompas, o grupo de metais e máis a Orquestra de Cámara do centro. Todas elas son formacións estables no seo da Escola e actúan de maneira regular tanto nos festivais organizados pola EMMeD de Ribadeo coma noutros eventos culturais. A dirección destas agrupacións corre por conta de Rubén Solloso (profesor de vento-metal da Escola), Olalla Canoura (profesora de corda) e Hugo García (Director do centro e profesor de oboe e fagot). No concerto deste sábado poderán escoitarse obras de Bach, Mozart, Haydn, Copland ou Williams.