O rexedor sinalou que “sobre esa proposta aprobada no Parlamento galego a instancias do PP debo valorala positivamente, pero con moitos matices porque primeiramente a iniciativa dos propios cazadores e dos labregos como afectados por esta desfeita que están a ocasionar os xabariles foi o motor para que reaccionasen as administracións competentes”.

Suárez Barcia lembrou que “o Concello de Ribadeo hai mes e medio aprobou unha proposta dirixida á Xunta só cos votos a favor do BNG, porque o resto da oposición, entre eles o PP, votou en contra e agora alégrome que o Parlamento galego inicie tímidamente actuacións no sentido de declarar obxectivo número un a esta comarca para que así non teña que haber informe previo de danos por parte da Xunta”. O alcalde ribadense advirte que “hai moitísimas cuestións de suma importancia das que esta proposta do PP non di nada. Non di nada, por exemplo, de cándo se van pagar os centos e centos de demandas pendentes desde o ano 2009 aos afectados polas desfeitas dos xabariles nos seus cultivos. Tampouco se di nada de que máis se vai avanzar porque isto realmente é unha medida a curto prazo importante, pero hai que adoptar outro tipo de medidas a medio e máis longo prazo porque os xabariles son unha especie de praga que vai en aumento debido ao abandono do rural. É exemplificante saber que si un xabaril entra nunha leira de millo e ao lado hai fincas abandoadas acaba tendo a cama onde ten a comida. Esas medidas de crear un seguro colectivo non aparecen por ningures, aínda que é un avance positivo isto que acaban de aprobar”.

Fernando Suárez lamentou que “o PP de Ribadeo non se sumara a esa proposta que fixemos desde o goberno municipal, a raíz das demandas e do compromiso que tiñamos entre os diferentes tecores da comarca e os propios labregos afectados”.