Mañá, 19 de marzo, ás 11:30 horas un grupo de alumnos e alumnas dos CEIPs Gregorio Sanz e Sagrado Corazón visitarán a zona de O Costal (entre a Vilavella e As Aceas), onde o Concello está a plantar vexetación de ribeira, en substitución dos eucaliptos que alí había ata hai unhas semanas. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, convida aos xubilados ribadenses a que se acheguen a celebrar esta xornada cos máis novos.

O edil nacionalista explicou que “mañá, 19 de marzo, celebraremos cos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón o día internacional dos bosques. Iremos cos nenos e nenas ás 11:30 da mañá á zona de O Costal, onde estes días estamos a proceder á execución do proxecto do cambio de eucaliptos por vexetación de ribeira: carballos, bidueiros, freixos, acivros, cerdeiras, teixos, loureiros, etc… unha biodiversidade de árbores considerable”.

Cupeiro dixo que “con isto o que pretendemos é concienciar aos cativos de que unha educación ambiental sostible é a única forma de beneficiar á saúde humana e á do planeta”. E lembrou que “as árbores axudan a diminuír a contaminación, a combater o cambio climático, a osixenar o aire, a refrescar o ambiente, forman novos ecosistemas e melloran o ciclo da auga, ademais protexen o chan da erosión”.

O concelleiro de Medio Ambiente convida “a todas as persoas, pero sobre todo a aquelas que están xubiladas, a que acudan a ver o que realmente estamos a facer nesa zona e a estar cos cativos. Sería bo que todos nos impliquemos nesta labor de futuro, que é esa plantación que estamos a realizar en O Costal e que queremos seguir por toda a ría cara arriba grazas a un programa Life que tamén temos en marcha. Si todos colaboramos ao final dentro duns anos veremos unha masa con árbores de ribeira, que será un orgullo daquelas xeracións futuras”.