O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explica que “por este motivo, ao longo da mañá do domingo, ademais da venda directa dos produtores e produtoras que forman parte habitualmente deste mercado, terán lugar unha serie de actividades para todos os públicos”.

O edil ribadense conta que “arredor das 11da mañá haberá  unha exposición, da man do CEFEA Pedro Murias, na que se amosarán as diferentes variedades de tomates, pementos e cabazas cultivadas no propio centro para despois disfrutar dunha degustación dos mesmos. Aprenderemos tamén un pouco máis sobre cultivos e os coidados nunha actividade para todas as idades, que se levará a cabo nun mini horto e onde se pretende que se aprendan os principais coidados que precisa”.

A música tamén estará presente no Día do Produto Local: “para animar a xornada, haberá coma sempre música de mercado, esta vez con ritmo de country e folk norteamericano”.

Vizoso Galdo subliña que “coa celebración do Día do Produto Local quérese resaltar a gran importancia de comprar e consumir produtos de proximidade, que ademais de aportarnos unha alimentación saudable é unha maneira de contribuír a incrementar a sostibilidade e o desenvolvemento da nosa contorna”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local asegurou que “non hai mellor forma de facelo que convertendo a Praza de Abastos nun auténtico escaparate dos mellores produtos como se fai neste mercado, que xa é un referente da nosa zona”.