Esta programación estaba prevista para o pasado 1 de abril, pero adiouse por mor dos tres días de loito oficial decretados polo Concello tras o accidente de tráfico rexistrado en Xove no que perderon a vida catro mozas e mozos de Ribadeo. 

O Día da Xuventude está organizado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables e coa colaboración do Concello de Ribadeo. 

Os mozos e mozas participantes poderán gozar dun amplo abano de actividades totalmente gratuítas:
Gastronomía saudable: xogos educativos e show cooking con produtos locais e de tempada.

Lecer educativo: Fútbol burbulla, futbolín humano, slackline e tiro con arco.

Sensibilización medioambiental: talleres dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe.

Igualdade de xénero: relacións tóxicas vs. relacións de bo trato.

Taller de graffiti: técnicas de aprendizaxe rápida e mural común.

Habilidades para a empregabilidade: dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou abordaxe dunha entrevista de traballo.

Información xuvenil: caravana móbil como punto de información de recursos para a mocidade.

En Ribadeo a partir das 20:30 horas actuarán Festra, Glzeta e Dj Maybe LK.