A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que “a temática do curso de verán que facemos coa Universidade de Santiago vai sobre a Torre dos Moreno. Terá lugar no salón de actos da Casa do Mar os días 20, 21 e 22 de xullo. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 8 de xullo”. E subliñou que “este curso ten créditos de libre configuración, ten 1 crédito para as diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas e ten 2 créditos optativos para as titulacións de Grao adaptadas ao EEES. E estáse a tramitar coa Consellería de Educación o recoñecemento do curso como actividade de formación do profesorado”.

A edil nacionalista lembrou que “as persoas que precisen máis información sobre o contido do curso entren na páxina da Universidade de Santiago ou na páxina web do Concello”. E convidou “ao resto do público que poida estar interesado en asistir a algunha das conferencias a que o faga”.

Pola súa banda o secretario do curso, Diego Rodríguez Paz, sinalou que “estas xornadas nacen coa vontade de presentar un achegamento á Torre dos Moreno, desde o punto de vista histórico-artístico e para iso partindo do estudo dunha obra singular como tema central que serve de fío conductor a todas as ponencias do curso ábrense varias perspectivas. Por unha banda, contextualizar a arte galega coma unha escola diferenciada con todo o que isto leva implícito de identidade propia e por outra, destacar a singularidade da Torre dos Moreno dentro da arte galega e o fenómeno indiano”.

Segundo Rodríguez Paz “o curso tentará afondar no contexto sociocultural galego de finais do século XIX e comezos do XX e no que varios expertos abordarán o tema cun enfoque interdisciplinar que abarque desde a historia, ata a arquitectura, as artes plásticas, a música ou a lexislación sobre patrimonio. Para iso contamos con algúns poñentes vinculados á Universidade de Santiago como poden ser José Manuel López Vázquez, Juan Monterroso, Ramón Villares ou Lourenzo Fernández Prieto e outros vinculados a Ribadeo como Carlos Álvarez Lebredo ou Ernesto Cruzado”.