A edil Ana Martínez contou que “dentro das actividades que estamos a desenvolver cos diferentes sectores en canto á formación para a mellora da xestión dos seus establecementos e dos seus produtos e logo de ter iniciado esta andaina co sector da hostalería agora presentamos este curso de formación para comerciantes e pequenas empresas do concello de Ribadeo”.

A concelleira nacionalista dixo que “esta formación vai proporcionarlles aos asistentes os coñecementos necesarios para que xestionen e dinamicen os seus espazos sociais co dobre obxectivo de difundir as súas actividades e axudar a promover as empresas da vila. Debemos ter en conta que as redes sociais deixaron de ser un fenómeno para pasar a ser ferramentas de uso cotián. Xa non estraña escoitar falar de facebook, twitts, etcétera. Pero ¿sabemos realmente sacarlle o maior rendemento para o ámbito do noso comercio ou outras iniciativas locais como poden ser a moda, a beleza, os bares, estancos, xestorías, diferentes sectores? Para iso temos que coñecer como empregar estas ferramentas para dar a coñecer o noso produto ou servizo e conseguir así dinamizar os establecementos e, por suposto, as vendas”.

A concelleira de Desenvolvemento Local animou “á xente a participar neste curso que terá unha duración de 24 horas en total, 12 serán presenciais e vanse desenvolver os luns días 22 de abril, 6 e 20 de maio en horario de catro e media da tarde ata as oito e media. E o resto vai ser a distancia e consistirá no seguimento das accións prácticas que se vaian facendo nos grupos de traballo que se formen e no que se vai avaliar e asesorar sobre o traballo realizado”.

As prazas son limitadas. Para máis información e inscrición os interesados deben acudir á Área de Desenvolvemento Local e Turismo, chamando ao teléfono 982. 128.650 ou a través do correo electrónico adl@ribadeo.org