Este venres, 31 de outubro, en horario de mañá, levarase a cabo un curso de visual merchandising na praza de abastos. A actividade está dirixida aos donos dos 9 postos de peixe, carne e froita e verdura, que venden actualmente no edificio do mercado ribadense, e pretende servir como aliciente para fomentar o comercio local na vila. Para logralo ata Ribadeo desprazarase unha experta nesta disciplina comercial para que lle explique a cada praceiro cales son as mellores técnicas de posicionamento á hora de colocar os seus produtos para lograr aumentar a súa venda. O curso servirá para completar a oferta formativa que recibiron os praceiros nas pasadas semanas, aproveitando o peche temporal da praza de abastos debido ás obras de reforma que se realizaron no seu interior.

Este curso de visual merchandising forma parte do ciclo de medidas levadas a cabo polo Concello, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, e que están orientadas a fomentar o consumo local tanto nas redes coma na propia praza de abastos. Entre elas, este mesmo mércores tivo lugar a estrea dun documental sobre o traballo diario dos praceiros. A proxección foi ás 12 da mañá, aproveitando a celebración do mercado semanal dos mércores.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local lembran que a praza de abastos recuperou a súa actividade a pasada semana, despois de permanecer pechada dende comezos de outubro polas obras de reforma de estrutura e pintado que se levaron a cabo tanto no interior, coma no exterior do edificio, traballos que rematarán definitivamente dentro duns días.