Literatura infantil, algo máis que conto é a temática que se abordará nesta edición. O director do curso, Xesús Ferreiro, explicou que “esta edición está adicada á literatura infantil, non só á escrita ou ao formato libro, senón a todo o que está detrás e arredor dese formato libro. Tamén abordaremos un pouco o tema da oralidade, desa transmisión oral que foi chegando á nosa xeración”.

Este curso de verán está dirixido “aos mestres ou técnicos de educación infantil, ao alumnado que estea formándose neste campo, a persoal de xardíns de infancia, a alumnos do Ciclo de Grado Superior en Educación, auxiliares coidadores/as de escolas infantís…”, seguiu a relatar Ferreiro.
Son 125 as prazas que se ofertan para este curso de 20 horas, que se desenvolverá no Cine Teatro de Ribadeo. A inscrición abríuse hoxe na web da Universidade da Coruña e “aí entrando na oficina de cursos e congresos aparecen os cursos de verán deste 2012 e picando no simboliño deste curso de Ribadeo pódese acceder a toda a información do mesmo, ao programa e os impresos de solicitude, facer o pago na oficina bancaria correspondente, etc… E senón tamén poden acceder a toda esta información na páxina web do IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo”. Desde a organización recomendan non deixar a inscrición para os últimos días, “si hai persoas interesadas que a fagan canto antes, porque despois igual hai máis demanda que prazas dispoñibles nese momento”. Xesús Ferreiro engadiu que “despois tamén faremos unha pequena distribución de carteis e trípticos polos colexios, institutos, bibliotecas e escolas infantís da zona”.

No acto de presentación, que tivo lugar este mediodía no salón de plenos do Concello de Ribadeo, participaron a edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra; o director do IES Dionisio Gamallo Fierros, Manel Yáñez Dablanca; e o director do curso de verán, Xesús Ferreiro Núñez.