Rodríguez Paz sinalou que “o obxectivo deste curso de verán é dar a coñecer  á riqueza e a diversidade do patrimonio cultural da comarca da Mariña, prestando especial atención ao patrimonio artístico, pero cun enfoque pluridisciplinar que abarque outros ámbitos. Para iso presentamos unha serie de ponencias nas que se darán a coñecer diferentes investigacións relacionadas co patrimonio da nosa comarca e que van desde temas máis coñecidos como a basílica de San Martiño en Foz ou o mosteiro de San Salvador en Vilanova de Lourenzá ata outros máis descoñecidos para o público en xeral como a aparición dunha pintura de paisaxes propiamente galega a mediados do século XIX ou a presenza da escaleira monumental como elemento arquitectónico singular”.

O secretario deste curso de verán da USC dixo que “haberá unha serie de relatorios nos que se tratará o patrimonio cultural como un recurso estratéxico fundamental para o desenvolvemento comarcal. Para iso contaremos coa participación de diversos expertos, na súa maior parte vinculados ao ámbito universitario, pero tamén ao mundo da xestión cultural, algún deles cunha amplísima traxectoria tanto docente como investigadora en cuestións patrimoniais como é o caso de Ramón Yzquierdo Perrín, catedrático de historia da arte na UDC; José Manuel García Iglesias, catedrático de historia da arte na USC; ou José Manuel López Vázquez e Juan Monterroso Montero, ámbolos dous profesores titulares do departamento de historia da arte da USC e directores deste curso”.

A parte destas ponencias farase unha mesa redonda na que se debatirán estratexias para a difusión da cultura no ámbito local e comarcal e na que participarán representantes da Deputación de Lugo e dos Concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Foz e os alumnos disfrutarán dunha visita ás Covas do Rei Cintolo en Mondoñedo, “un tipo de actividade diferente ás que veñen sendo habituais nestes cursos e que seguro que resultará atractiva para moita xente”, dixo Rodríguez Paz.

O curso vai enfocado tanto a estudantes universitarios como a persoas interesadas no patrimonio cultural e sobre todo a persoas vinculadas á Mariña lucense. Consta de 25 horas lectivas e conta con recoñecemento de créditos para todas as titulacións da USC. Os interesados poden matricularse presencialmente nos centros de matriculación dos campus de Santiago e de Lugo e en liña a través da www.usc.es/cultura. O prazo está aberto ata o vindeiro 6 de xullo “e animamos a todas as persoas interesadas a que se matriculen e que participen na actividade”.

A edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, agradeceu a colaboración dos Concellos de Mondoñedo e de Foz e da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e tamén a participación da Coral Polifónica de Ribadeo, que ofrecerá un concerto de clausura o 20 de xullo ás 21:00 horas.