O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, explicou que “os días 18, 19 e 20 de agosto faremos un curso de astronomía na sala multiusos do Real Club Náutico de Ribadeo. O horario será de 11 a 12 polas mañás e de 22:30 a 23:30 horas polas noites. Realizarao a Universidade de Santiago de Compostela dentro do proxecto A astronomía ao alcance de todos en colaboración co noso Concello. Será financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)”.

Todas aquelas persoas que queiran asistir poden anotarse a través do teléfono do Concello 982.120.701 ou por correo electrónico na dirección sostibilidade@ribadeo.org.

O edil nacionalista tamén anunciou que ao longo das vindeiras semanas haberá tres observacións astronómicas en Ribadeo: “o día 16 de agosto ás dez e media da noite farase unha observación astronómica pública na praia das Catedrais e o día 17, tamén as dez e media da noite, farase outra observación pública na Praza de España. E o 6 de setembro faremos unha observación astronómica en Remourelle”.