A presentación do curso tivo lugar este mediodía no salón de plenos do Concello. Alí compareceron a directora do CIFP Porta da Auga, Beatriz Dobaño, o director do curso e profesor nese centro, Xesús Ferreiro, e a concelleira de Educación, Mariluz Álvarez Lastra.

A edil nacionalista sinalou que “é o sétimo ano consecutivo que xunto co Centro Integrado de Formación Profesional Porta de Auga, a través do seu ciclo superior de educación infantil, o único que temos na Mariña e o segundo da provincia de Lugo, colaboramos para poder levar a cabo este curso que está acreditado e avalado nos últimos anos pola Universidade da Coruña”.

Dito curso está dirixido a mestres/as graduados, diplomados/as e estudantes de maxisterio, técnicos/as en E.I. ou en Xardín de Infancia, alumnado do ciclo de Grao Superior en Educación Infantil, auxiliares coidadores/as de Escolas Infantís, persoal de SS SS. O director do mesmo, Xesús Ferreiro, subliñou que “a matrícula se realizará única e exclusivamente da web da Universidade da Coruña: www.udc.es/occ. O prazo abriuse o 16 de maio e rematará o 25 de xuño. Hai dúas taxas, unha xeral de 50 euros e unha reducida de 30 euros para parados, xubilados, estudantes de FP e de bacharelato”. A directora do CIFP Porta da Auga, Beatriz Dobaño, dixo que “con este curso lo que se pretende es complementar la oferta educativa que tenemos en nuestro centro. Esperamos que esta colaboración continúe”.
O 29 de xuño nos relatorios abordaranse cuestións coma a función e sentido do xogo e xoguete tradicional; os sons do xogo e os xogos do son; o xogo simbólico como necesidade de representar a realidade; e xogo e xénero, a mirada necesaria. A xornada rematará coa proxección didáctica da película The kid de Charles Chaplin. Será unha sesión de cine mudo con música en directo a cargo de Francisco José Rey Eibe ao piano.

Xa o 30 de xuño analizaranse aspectos como a experiencia da recuperación do patrimonio lúdico como referente educativo no CEIP A Capela, da Coruña; organizando a realidade: a heurística, a lóxica e a matemática na primeira infancia; e a educación infantil na Revista Galega de Educación. Ese día terá lugar un obradoiro de construción de xoguetes e enredos con materiais da natureza, que será impartido por José Manuel García Fernández, que é un investigador do xoguete tradicional. O curso rematará cunha actuación musical do grupo de percusión da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. O VII Curso Temático sobre Educación Infantil da Mariña  desenvolverase no Cine Teatro de Ribadeo.