O rexedor explica que “haberá dúas liñas de entrada discriminadas por letra de apelido. Segundo nos indican as autoridades sanitarias, na tarde de onte xa foron mandados os SMS aos móbiles asociados ás súas tarxetas sanitarias”.

O alcalde sinala que “hai xente dese segmento de poboación que se queixa de que non recibiu o SMS para o cribado desta tarde. Puxémonos en contacto coas autoridades sanitarias e o que nos indican é que aquelas persoas de 18 a 29 anos que non fosen citadas por esa vía, que se acheguen igualmente ao pavillón novo para someterse a este cribado masivo”.

Suárez Barcia pide a toda a poboación citada que acuda a este cribado: “pedimos encarecidamente a toda esta poboación que acuda a esta proba. Se sae negativa, pois poderán continuar coa súa vida normal. Se sae positiva, pois deberán tomar as medidas para evitar que isto siga medrando que, polos datos que vemos hoxe en Ribadeo (61 positivos) e no resto da Mariña, pois non vai moi ben”.