A concelleira de Turismo salientou que “tomando diversas iniciativas que imos promovendo dende o Concello de Ribadeo para posicionarnos nese turismo de calidade e sostible, gustaríame enmarcar unha cuestión que hai anos arrancamos que foi a credencial do viaxeiro ribadense na que buscamos tamén que os viaxeiros que cheguen á praia de As Catedrais non soamente se queden naquela contorna, senón que fagan ese percorrido pola nosa costa e se acheguen cara a Ribadeo visitando diversos puntos”.

Ana Martínez subliñou que “así poden levar un recordo, esa acuarela feita por un artista local na que levan un agasallo ben bonito e que está numerada. Estamos preto de chegar ás 6.000 e mesmo este mes de xullo foi espectacular porque superamos as 1.000 credenciais entregadas”.

A edil nacionalista anunciou que “incluso vimos de recibir unha solicitude dende Bollywood, dende o cine hindú, para vir a gravar á praia de As Catedrais, un pequeno videoclip que se integra nunha película. Non é Hollywood, pero é Bollywood, e creo que o número de persoas que poidan ver esta película é impresionante, e aí están interesándose de novo pola praia de As Catedrais, por Ribadeo, e esperando a que tamén desde a Xunta lles dean a autorización administrativa para poder estar gravando aí este mes de agosto, e se é o caso aí estará Ribadeo en Bollywood”.