O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, informou onte no pleno aos membros da Corporación Municipal do compromiso adquirido por Costas para proceder á recuperación da ruta do tren mineiro entre Ribadeo e Trabada “xa que xa ten aprobado un orzamento de preto de 150.000 para a redacción do proxecto”. Suárez engadiu, ao respecto desta ruta “que será unha das mellores sendas verdes de todo o estado”.

A intención do Ministerio de Medio Ambiente para este proxecto é expropiar os terreos que faga falla para darlle continuidade e poder empatar estes tramos que faltan entre Ribadeo e Trabada cos que xa están feitos en San Tirso de Abres e A Pontenova.

Para Fernando Suárez “desde o punto de vista turístico será posible que alguén que queira ir camiñando ou en bicicleta desde Ribadeo á Pontenova o poida facer a través dunha paisaxe moi fermosa ás beiras da Ría de Ribadeo e subindo despois cara as beiras do Eo, e isto é algo que nos colma de satisfacción e que amosa a sensibilidade dos responsables de Costas con esta ruta que une a Galiza con Asturias”.

Galescola

No pleno de onte, aprobouse cos votos a favor do BNG, PSOE e UPRI e os votos en contra do PP, a ratificación definitiva do acordo de cesión dunha parcela municipal á Xunta para a construción dunha Galescola para nenos de 0 a 3 anos. Fernando Suárez explica que “pasou o período de exposición pública e non houbo alegacións polo que agora só resta que se adxudique o proxecto e as obras, que agardamos que se inicien en breve”.