O rexedor sinalou que “é triste que teñamos que volver a un tema recorrente, que xa forma parte do noso patrimonio en Ribadeo, que son os cortes de luz que a compañía subministradora cada vez que hai algo de vento, cada vez que un gorrión se pousa nun poste ou cada vez que un cable toca con outro vaise a luz ou en todo Ribadeo ou nunha parte de Ribadeo, e ás veces, tal e como ocorreu esta mañá, en varias ocasións”.

Para Fernando Suárez “isto xa é o colmo e comparto o cabreo e a decepción que teñen tanto empresarios, coma veciños e usuarios do servizo que somos todos, porque a finais de mes todos pagamos as facturas da luz sen rechistar, pero temos unha calidade do servizo que é intolerable para Ribadeo. Estando no século XXI como estamos temos un subministro propio do século XIX”.

O alcalde ribadense considera que “a estas alturas xa non valen máis escusas, os veciños que a finais de mes pagan as súas facturas da luz teñen que recibir unha explicación contundente e teñen que ter unha garantía de que isto non se volverá producir. Begasa ten que actuar dunha maneira decidida, dunha vez por todas, e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria, ten que intervir de maneira inmediata”. Fernando Suárez indicou que “primeiramente ten que abrirlle un expediente á compañía subministradora de enerxía eléctrica porque isto é intolerable. O que pasa en Ribadeo non pasa noutros concellos da Mariña nin noutras partes do país e aquí cun sector comercial tan importante, que sempre se están a queixar e con razón, porque isto é intolerable o que nos pasa sexa verán ou inverno, chove ou faga vento, pero isto non pode ser”.