O rexedor dixo que “o que queremos é trasladar a nosa preocupación por como se están facendo as cousas hoxe en día. Hai que lembrar que os ARIS de Ribadeo e Rinlo, singularmente o de Ribadeo porque leva máis anos, levamos concretamente 12 anos traballando na área de rehabilitación integral nas cales en todo este tempo se asinaron 10 convenios e se executaron rehabilitacións en máis de 225 obras de vivendas privadas con financiamento tanto da Xunta coma do Ministerio, e se actuou nunha chea de obras públicas neste caso con participación do Concello. E agora vemos, coma despois de todo este proceso que pasou polas mans de diferentes gobernos autonómicos de diversa cor política, e tamén do Ministerio de Vivenda no seu caso e de Fomento a día de hoxe, vemos coma os convenios están paralizados”. Suárez Barcia insiste en que “levamos case dous anos sen asinar novos convenios e agora as noticias que temos son que nestes próximos tempos o que se van é asinar novos convenios, pero non para novas vivendas, senón novos convenios que dean cobertura a convenios anteriores. É dicir que dean cobertura a rehabilitacións xa existentes a día de hoxe, pero que non contemplan ningunha actuación máis”.

Para o alcalde ribadense “isto dende logo contrasta dunha maneira moi rechamante con todas as declaracións, que tanto responsables da Xunta coma do Estado están a facer, coma que un dos piares fundamentais a día de hoxe para apuntalar a economía é que o Estado incida na rehabilitación de vivendas e inmobles. Tendo en conta que en Ribadeo, dende logo, somos un modelo por persuadir e animar á xente a que vaia rehabilitando as súas vivendas, de feito no casco vello de Ribadeo a pesar de que non había Plan de Ordenación Urbana ata fai moi pouco tempo, si que se leva dende hai moitos anos, e principalmente nestes tres ou catro últimos, rehabilitando dunha maneira importante. Penso que ningún outro casco histórico do país ten o nivel de rehabilitación, a día de hoxe, coma o que está a ter Ribadeo. E sen embargo, as axudas da Xunta e do Estado son inexistentes. Por iso creemos que non só hai que predicar, senón tamén dar trigo”. Fernando Suárez Barcia subliña que “o que teñen que facer a Xunta e o Estado é rapidamente asinar estes novos convenios, tal e como se viñeron facendo non nos últimos tres ou catro anos senón nos últimos doce anos. De aí que lle acabamos de mandar unha nova misiva cordial á Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo para que se poñan as pilas”.