O rexedor contou que “vimos de asinar o convenio coa Deputación de Lugo para cubrir boa parte do financiamento deste carril-bici que queremos facer entre o centro urbano e a praia de Rocas e a Illa Pancha. Este proxecto, que ascende a uns 320.000 euros, é financiado pola Área de Medio Rural e do Mar da Deputación, que aporta 250.000 euros, o cal significa un 78% do investimento, significando que o resto, uns 70.000 euros, son aportados polo Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia explicou que “o proxecto consiste na adaptación como vía ciclista dun treito de catro quilómetros entre a praia dos Bloques e a zona do faro, bordeando a costa e discorrendo por lugares emblemáticos como o cargadeiro ou o Forte de San Damián. Para iso, vaise habilitar un carril-bici bidireccional de dous metros e medio de ancho a partir do Forte de San Damián, mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista. O traxecto tamén será transitable a pé por beirarrúas e por pasos peonís. Para completar esta ruta circular incluirase o aglomerado asfáltico do treito comprendido entre a praia de Rocas e o encontro coa estrada provincial en Vilaselán”.

O alcalde ribadense subliñou que “é unha importante actuación que vai mellorar as condicións de uso e de seguridade dun espazo que xa é empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade para o paseo a pé e para outras actividades físicas. Ademais hai que lembrar que esta pandemia, da que afortunadamente xa estamos saíndo, acentuou a sensibilidade social cara a esta forma de usar os espazos públicos máis sostible e máis ecolóxica e desde as institucións temos a responsabilidade de crear as condicións e as infraestruturas adecuadas para que estes novos valores e novos hábitos se vaian consolidando. Desde logo estamos seguros de que a senda ciclable vai ser un reclamo turístico máis para Ribadeo nun momento de auxe deste tipo de turismo activo”.

Fernando Suárez dixo que “estamos nestes días recibindo xa as últimas autorizacións sectoriais necesarias para a realización desta obra polo que, coas garantías económicas xa aseguradas a través da sinatura deste convenio, nos vindeiros días iniciaremos a licitación deste ambicioso proxecto”.