Suárez Barcia contou que “vimos a Lugo a asinar o convenio para o acondicionamento e renovación da estrada da Estación, no lugar dos Garitos. Finalmente a Deputación, á que sempre nos encomendamos como en tantas outras cuestións de importancia capital para Ribadeo nestes últimos anos, considerou crucial para a seguridade viaria e confiou no noso proxecto no xeito de outorgarnos 280.000 euros, é dicir, o 78% do custo da actuación que o técnico municipal valorou en 360.000 euros”.

O alcalde explicou que “en principio, o Concello vai sufragar a parte restante, é dicir, 80.000 euros, xa que a día de hoxe e despois de varios meses de peticións formais tanto do alcalde como da Corporación Municipal en pleno, a Xunta de Galicia non deu aclarado se vai poñer algo, se vai poñer algo irrisorio ou se vai poñer unha cifra que nos corte a respiración a todos. De momento temos un silencio clamoroso, dicindo que xa verá nos orzamentos do ano que ven se pon algo ou non”.

O rexedor engadiu que “agora, despois de asinar este convenio imos iniciar o proxecto de licitación da obra, ao ter xa tanto os permisos como a cesión do vial por parte de Feve e as cesións menores por parte dos terreos colindantes. Agora, con todo isto no noso poder, xa que os recursos económicos están tamén garantidos, imos pasar de inmediato á licitación e á execución desta obra que vai dar, sen dúbida, unha seguridade ao tráfico pesado que por alí circula, que é moito, e que vai permitir aos viandantes que non se xoguen o tipo cando pasen por alí”.

Fernando Suárez sinalou que “logo se a Xunta de Galicia segue desfollando a margarida e se decide poñer algo antes do día do xuízo final, pois pode poñelo sempre que queira. Se o fai minoraríamos desde logo a achega do Concello ou a da Deputación ou a das dúas, e utilizaríamos estes sobrantes en actuacións de interese para Ribadeo, que é en definitiva en actuacións de interese para os veciños e veciñas deste concello”.

O rexedor asinou no Pazo de San Marcos o convenio coa deputada de Medio Rural, Mónica Freire.