Este novo convenio súmase ao programa de reparto de alimentos que, desde hai catro anos, se ven desenvolvendo diariamente por parte dos servizos sociais municipais. O Concello asinou no ano 2012 un convenio igual coa cadea asturiana de supermercados Alimerka, a través da súa Fundación, que segue activo: “o que recollemos e repartimos son alimentos frescos, que están próximos á caducidade, de seccións como panadería, repostaría ou froitería. Son excedentes que quedaron sen comercializar e que se atopan en perfectas condicións para seren consumidos”.

Segundo os datos facilitados pola Concellaría de Servizos Sociosanitarios son unhas 40 familias, a maioría con fillos, as que se benefician deste programa, ademais de transeúntes. En total a través do banco de alimentos neste momento estase a prestar axuda a unhas 100 familias no concello de Ribadeo.