Pablo Vizoso dixo que “o Concello de Ribadeo quere seguir colaborando e apoiando a continuidade da actividade de Acisa, dirixida á mellora do pequeno comercio e da hostalería, que son uns sectores vitais e especialmente sensibles nestes momentos, de aí o incremento importante e notable da contía desta subvención, un 70% máis que a anualidade anterior”.

O edil ribadense indicou que “o Concello colabora no desenvolvemento de accións e programas dirixidos á dinamización e á promoción do comercio e da hostalería levando a cabo, xunto con Acisa, estas iniciativas: xornadas gastronómicas ou a campaña publicitaria que se está facendo nestes momentos denominada Pensando en Ti ou o Domingueo en Ribadeo. Inclúense tamén nesta subvención material e elementos de protección da Covid, tales como cartelería, xeles, máscaras, etc…”.

Vizoso Galdo subliñou que “a nosa idea é seguir apostando pola transformación dixital do pequeno comercio, incluíndo unha partida específica para estes fins, e que serán desenvoltos proximamente. Agardamos que o desenrolo destas actividades permitan mellorar e promocionar o pequeno comercio e a hostalería de Ribadeo”.

No acto da firma esta mañá participaron o concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, asistidos por José Rodil, como secretario accidental do Concello. Tamén estivo presente o xerente de Acisa, Jesús Pérez.