O rexedor subliñou que “damos un novo paso importante para a construción da residencia de maiores de Ribadeo, cando no día de hoxe acabamos de asinar o contrato entre o Concello e mais a UTE (as empresas ás que o pleno lles adxudicou hai uns días esas obras) que dará lugar ao inicio destas obras tan importantes para Ribadeo e para as persoas de Ribadeo, que é o que conta”.

Suárez Barcia explicou que “a partires de agora hai uns días para aprobar a acta de replanteo previa e tamén o plan de seguridade e saúde, polo que todo indica que xa neste mes de xuño poderán empezar as obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo, que están a ser sufragadas nunha cantidade moi importante pola Deputación Provincial de Lugo. Grazas a esta institución esta realidade vai ser posible. E tamén por outra banda pola cofinanciación na parte restante polo Concello de Ribadeo, xa que a día de hoxe o compromiso por escrito, pero non cuberto finalmente pola Xunta de Galicia, segue pendente. É unha circunstancia tan importante para Ribadeo e tan grave que a día de hoxe a Xunta aínda non nos fixara o día e a hora para firmar e poñer a súa parte, exigua e pequena, pero tamén importante, como todas”.

O alcalde ribadense engadiu que “o soño colectivo de todos os veciños e veciñas deste concello vai ser realidade e dentro de poucos días veremos como se inician as obras”.