Campos sinalou que “desde a Concellería de Mocidade o martes puxemos en marcha un ciclo de actividades que chamamos Contralumes e que se desenvolve en colaboración cos centros de Secundaria de Ribadeo, neste caso co IES de Ribadeo, destinado ao seu alumnado. Está centrado nunha serie de propostas que teñen como fío condutor o traballo e a educación en valores. Pensamos que neste momento é fundamental apostar non só pola educación que parta dos coñecementos memorísticos, científicos, humanísticos e demais senón tamén dunha educación que sobre todo aposte polos valores que constrúen unha sociedade mellor: a solidariedade, a igualdade, o medio ambiente, o benestar, a tolerancia…”.

O edil de Mocidade seguiu a relatar que “nese sentido o que estamos plantexando e o que empezamos foi este ciclo, Contralumes, o martes, a través dun primeiro espectáculo teatral do grupo Chévere co que pretendemos traballar no ámbito da igualdade de xénero. Neste mesmo ámbito, en colaboración co CIM de Ribadeo, tamén desenvolveremos unha campaña de promoción do deporte feminino nos vindeiros meses”. E engadiu que “máis ala do ámbito da igualdade de xénero dentro de Contralumes traballaremos tamén outros espazos, como pode ser o da propia participación dos mozos e mozas, na resolución dos seus intereses, como podemos desde o Concello atender mellor todo aquilo que sexan preocupacións ou propostas que nos cheguen desde ese ámbito xuvenil. Para iso crearemos unha figura que é a do radar xuvenil: mozos e mozas do instituto que dalgunha maneira farán de intermediarios entre o Concello de Ribadeo e a propia xente nova para poder transmitirnos mutuamente os intereses e as preocupacións”.

Xavier Campos sinalou que “ademais disto trataremos, tamén dentro de Contralumes, outros dous ámbitos: por un lado o dos dereitos lingüísticos, da lingua, e para iso desenvolveremos unha actividade, que é o photocall Gústame o galego, unha actividade de difusión dos motivos polos que nos gusta e estamos orgullosos de ter unha lingua propia. Esta actividade xa a tivemos en Ribadeo este verán con moito éxito; e despois a presentación do libro Do estigma á estima, da profesora Valentina Formoso, e a do caderno Os tópicos arredor da lingua galega, do que ademais é autor un profesor xa ribadense, Suso Fernández Acevedo, cun texto que xa tivo moito éxito desde hai meses que se leva movendo polas redes sociais”.

O Concello traballará finalmente cos centros de ensino o ámbito do coñecemento da nosa historia e da nosa identidade: “para iso as mozas e mozos do instituto farán, por un lado, unha visita guiada ao panteón real da Catedral de Santiago, onde están enterrados algúns dos reis galegos da época medieval, tamén como unha oportunidade para afondar máis no coñecemento desta época histórica. E teremos tamén a distribución da obra A prehistoria en Ribadeo, do profesor Emilio Piñeiroa. Pensamos que en conxunto con Contralumes o que estamos é intentando traballar aspectos que son importantes para o desenvolvemento persoal, para a formación integral das persoas. Máis alá do que son os coñecementos do propio percorrido do sistema educativo apostamos tamén por traballar a educación en valores para construír entre todos desde a propia mocidade unha sociedade mellor”.

A visita guiada ao panteón real e ás cubertas da Catedral de Santiago será o vindeiro luns, 21 de outubro. Acudirán a esta viaxe 100 rapaces e rapazas do IES Ribadeo e do colexio Sagrado Corazón.