O rexedor explicou que “ao igual que estes catro ou cinco últimos anos a conta de 2012 arroxa un balance positivo no sentido de que se gastou menos do que se ingresou, provocando remanentes positivos. Isto non debemos contalo con triunfalismo, senón pensando en que se están a facer ben as cousas desde o Concello”.

Suárez Barcia dixo que “a conta xeral é o instrumento que temos para render contas, é o instrumento que permite á Corporación Municipal coñecer qué se fixo durante un exercicio presupostario. É dicir permite controlar o uso e o destino que se lle deu a un volume de fondos públicos e é un mecanismo de control da xestión do grupo de goberno”.

O alcalde ribadense lembrou que “si nos remontamos ao ano 2007, onde os resultados presupostarios eran negativos en practicamente 200.000 euros, despois nos anos posteriores sempre acadamos resultados positivos, é dicir que se gastou menos do que se ingresou e iso foinos servindo en boa medida para ir actualizando moito a prioridade nos pagos. Antes tardabamos moitísimo e agora, sen ser os mellores do mundo, pagamos con moita maior periodicidade”.

Fernando Suárez subliñou que “no exercicio de 2012 o resultado presupostario axustado ascende a uns 377.000 euros en positivo. E outro dato que tamén é moi importante é que o remanente de tesourería para gastos xerais pon de manifesto que a liquidación deste ano 2012 ascende a uns 905.000 euros”.

Para o rexedor “isto demostra a capacidade para a realización de gastos non previstos e para o financiamento de expedientes de crédito extraordinario, de suplementos de crédito, así como coma tamén para a incorporación de remanentes de exercicios anteriores. Esta conta xeral indica que o camiño económico por onde imos non é malo, ten que mellorar como en todas as administracións, pero non estamos afortunadamente naquelas situacións de anos pretéritos das que xa non nos queremos lembrar, onde economicamente os resultados eran negativos, é dicir sempre se gastaba máis do que se ingresaba e agora, cun principio de racionalidade e prudencia, facemos o que podemos e se non facemos máis é porque non podemos. Pero os resultados sempre botan un beneficio positivo que redunda nunha administración mellor para todos os administrados, para todos os veciños e veciñas deste concello”.

A conta xeral de 2012 será un dos asuntos que se someten a aprobación no pleno extraordinario que se celebrará a finais desta semana.