Castro aludiu ás declaracións efectuadas nas últimas horas desde o PSOE e dixo que “o señor López non se entera ou non se quere enterar, confunde o resultado do exercizo 2009 coa débeda acumulada a 2009. O resultado do 2009 é positivo en 180.000 euros e dubidalo é dubidar dos técnicos do Concello e a débeda acumulada dos anos anteriores ata finais de 2009 é de pouco máis de 5,5 millóns de euros. O que non di o señor López, e que tamén figura na conta xeral, é que os dereitos recoñecidos pendentes a favor do Concello a finais de 2009 son de 6 millóns de euros e o resultado é ben sinxelo, trátase simplemente de facer unha resta, o que nos da un remanente positivo de 500.000 euros”.

O concelleiro de Facenda subliñou que “no que vai de lexislatura deste goberno non se acudiu a ningún préstamo, adicámonos exclusivamente a amortizar, polo que se reduciu a débeda con bancos en 1.600.000 euros polo tanto o resultado acumulado, como dixen no pleno do luns, desde finais de 2006 a finais de 2010, tomando como referencia esta data, vai arroxar un resultado de 400.000 euros de aforro por parte deste goberno”.

Vicente Castro engadiu que “tamén falaba o señor López das facturas pendentes de recoñecer e de aprobar que estaban, segundo él, nalgún caixón desastre, supoño que se refería á etapa na que eles gobernaban e na que a Delegación de Facenda tiña só nome, porque existir como control non existía de ningunha maneira. Estas facturas existen e están controladas permanentemente e a día de hoxe hai 129 pendentes de recoñecemento e de aprobación por un importe aproximado de 245.000 euros. E desas 129, hai 84 que pertencen ao ano 2006, xa sei que me vai dicir que nós estábamos no goberno bipartito, efectivamente, pero preto do 70% delas son facturas asinadas polo alcalde, de delegacións directamente relacionadas coa alcaldía que ostentaba o señor Pérez Vacas do PSOE”.

O edil do BNG manifesta que “estes datos están a disposición no Concello e o señor López ten acceso a eles e dubidar deles é dubidar da profesionalidade dos técnicos municipais”.