Este ente insiste en que se fai preciso adoptar medidas de aforro e uso responsable da auga, aínda que Viaqua (a empresa concesionaria) recoñece que de acordo co Plan de Emerxencia de Seca do Concello de Ribadeo, o estado no que se atopa o abastecemento é de normalidade.

De todos os xeitos desde a Concellaría de Medio Ambiente lembran que “sería bo que nos concienciemos da importancia deste ben tan prezado, como é a auga, pechando as billas mentres esteamos enxaboando os pratos, mentres nos afeitamos, lavamos os dentes, as mans, o pelo ou o corpo; temos que evitar que as billas pinguen; poñamos a lavadora ou o lavalouzas cando estean completamente cheos; acudamos a unha estación de lavado automático de coches en lugar de empregar a mangueira; bañemos ás nosas mascotas nun terreo que necesite rego; e instalemos filtros atomizadores ou sistemas economizadores”. 

E engaden: “con pequenos xestos podemos conseguir grandes cousas entre todas e todos”.