A edil Ana Martínez explicou que “a campaña ten como obxecto dinamizar a praza de abastos, recuperar este espazo para a dinámica socio-comercial da vila e así potenciar o consumo de produtos da praza, o consumo local e de produtos de temporada”.

A concelleira de Desenvolvemento Local sinalou que “desde a praza defenderemos a naturalidade e a calidade dos produtos de proximidade; o servizo de atención ao cliente de alta calidade; ser un espazo de carácter público, de encontro, de relación social e de actividade comercial; converter este mercado nunha comunidade de empresarios no que cada un é experto no seu campo e ser defensores do valor local e do consumo responsable, recuperando o valor da temporalidade da oferta, do consumo saudable, do consumo de produtos locais e de proximidade. En definitiva ser un tempo de produtos frescos e escaparate de diversidade gastronómica”.

A campaña Consume local, unha decisión importante inclúe a edición e distribución de bolsas entre os consumidores con este lema. Os praceiros e praceiras contarán con un uniformes de cores e co logo do mercado, os vendedores de peixe irán de azul, os de carne de granate e os de froita de verde. Na praza haberá tamén pizarras nas que os clientes poderán atopar as ofertas do día ou os nomes dos produtos de temporada e tamén se editaron trípticos para a promoción do mercado de abastos de Ribadeo.

Ana Martínez subliñou que “o vindeiro mércores, 27 de marzo, ás 12:30 da mañá teremos unha xornada de pesca sustentable e cociña en directo, co fin de abordar temas relacionados coas especies que se pescan nesta zona así coma a elaboración de receitas en directo”. A edil de Desenvolvemento Local agradeceu a participación neste evento de Celia Pacio, patroa maior da confraría de pescadores de Ribadeo, de Basilio Otero, patrón maior da confraría de Burela, de Casa Pepe, que ofrecerá unha degustación gastronómica e dos cociñeiros Felipe Barcia e Rafael Jiménez, que realizarán preparacións en directo. Martínez tamén anunciou que “en abril levarase a cabo unha campaña que denominamos Os xoves son do mercado, e na que todos os xoves do vindeiro mes haberá descontos e ofertas especiais no mercado”.

Paralelamente se desenvolverá a campaña Elixe ao mellor praceiro/a, onde os clientes poderán optar a sorteos de cheques de consumo na praza de abastos de Ribadeo. Os que realicen as súas compras ata o 3 de maio recibirán un cupón por cada compra realizada. Terán que enchelos co seu nome, apelidos, idade e teléfono e indicar o número do posto do seu praceiro ou praceira favorita. Os días 12 de abril e 3 de maio procederase a elixir ao azar tres cupóns e os clientes agraciados recibirán cheques de compra por valor de 25, 50 e 75 euros.