A edil Mariluz Álvarez Lastra lembra que “no ano 2005 púxose en marcha o CMM do Concello de Ribadeo, para promover a participación activa das mulleres e dos movementos de mulleres na vida pública local e para escoitar a súa voz respecto das accións emprendidas dende a Concellaría da Muller, chamada no mandato actual Concellería de Igualdade”.

Onte, renováronse os e as integrantes do Consello Municipal da Muller para este novo mandato 2015-2018, na sesión constituinte que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello. A esta sesión acudiron representantes de todos os sectores da sociedade local: asociacións de veciños, asociacións de mulleres e culturais, partidos políticos, sindicados, asociación de comerciantes, representantes do sector educativo e sanitario, entre outros.

Nese acto a concelleira de Igualdade, e tras a aprobación da constitución do novo CMM, procedeu a informar das actividades levadas a cabo durante o ano e aproveito a presenza dos representantes da sociedade local para facer un chamamento á cidadanía en xeral de cara ao vindeiro 25 de novembro: día internacional de eliminación da violencia contra a muller. Álvarez Lastra di que “a violencia machista está na nosa sociedade, e ante os asasinatos de mulleres e nenos nas últimas semanas e a gravidade e magnitude deste problema, dende o Concello de Ribadeo queremos visibilizar esta lacra social para que a cidadanía  tome conciencia”.

A concelleira de Igualdade convida a toda a cidadanía “a que tome unha actitude activa participando na cadea humana de denuncia que se levará a cabo o próximo día 25 de novembro de 12 a 13 horas nas inmediacións da Casa do Concello”. Os novos representantes do CMM darán traslado aos seus asociados e militantes desta iniciativa para que colaboren ben como voluntarios ou  como participantes sumándose á esa cadea humana.
Así mesmo , Mariluz Álvarez Lastra adiantou que os próximos días repartiranse cartaces por todo o pobo con información máis detallada da cadea humana do 25 de novembro para que calquera veciño ou cidadán que ese día se atope en Ribadeo poida unirse  e aportar o seu gran na loita contra a violencia machista.