O alcalde de Ribadeo explicou que “na xunta de goberno aprobóuse esta licencia para as obras tan importantes de remodelación do IES Dionisio Gamallo Fierros despois de que a ultimísima hora da mañá de onte se presentaran por parte do adxudicatario as garantías e os cartos correspondentes para finalizar este procedemento. Non hai ningún problema por parte do Concello de Ribadeo para que as obras se reanuden e nada máis lonxe da nosa intención foi ter que paralas, pero todos somos iguais diante da lei e as administracións son iguais que os particulares e a mesma política que lles aplica a eles tamén a teñen que cumprir as administracións”.

Fernando Suárez engadiu que “o Concello deu tamén licencia de obra e de actividade inicial para estas dúas firmas que se van instalar nunha zona consolidada comercialmente como é Vilar, onde está Eroski, Lidl e Bricoking e dentro de pouco espérase que para a primavera do ano que ven estean en funcionamento Koodza e Merkal Calzados. Koodza é unha marca de Decathlon que está especializada en roupa deportiva e utiliza esta firma para vilas de tamaño media nas que venden as súas marcas principais e Merkal Calzados está adicada á venda de calzado a baixo prezo en réxime de autoservizo”. En total ocuparán unha superficie de 1.500 metros cadrados.

O rexedor subliñou que “ese lugar está contemplado no planeamento urbanístico para dar este tipo de licencias de obra e as actividades son regladas polo que non podemos facer outra cousa que concederlles esas licencias. Ás veces se pode pensar que a competencia pode ser boa ou mala tamén para o comercio, porque ten cousas positivas e negativas, pero tamén hai que pensar que si esto non se monta en Ribadeo nada impediría que se puidesen montar noutros concellos da Mariña ou do Occidente asturiano e iso para Ribadeo sería malo”. Suárez Barcia asegurou que “é un investimento importante o que se vai facer no noso concello e a xulgar polo que me indican os responsables destas dúas firmas crearánse un mínimo de 12 postos de traballo e desde logo é unha boa cousa para Ribadeo como centro de atracción do comercio e do sector servizos no que está destacado, dado que o sector secundario é incipiente e a través do polígono agardamos que se vaian enchendo as parcelas vacantes e o sector primario está máis vido a menos. Entendo humildemente que ésta é unha boa noticia para Ribadeo”.