O grupo Odaiko xa ten demostrado as súas habilidades didácticas no eido dos concertos educativos aventurándose a debuxar sons e sensacións cos diferentes materiais que nos rodean na nosa vida cotián. Que estamos sentados apoiados nunha mesa, pois velaí vai un señor instrumento de percusión; que acabamos de escribir unha carta, outro instrumento máis co papel que empregamos, por non falar do vaso de auga que acabamos de beber!

Cos obxectos máis comúns podemos deseñar un mapa de sensacións co que retrotraernos ata os albores da humanidade e percorrer a nosa historia lembrando os sons que foron dando forma ás nosas inquedanzas musicais.

A imaxinación e a creatividade, da man da percusión moderna, terán unha cita este venres, 15 de xaneiro, ao longo da mañá, no Cine Teatro de Ribadeo da man de Odaiko Crea.