O rexedor, os edís e as persoas que alí se deron cita luciron lazos negros nas súas camisas e chaquetas en sinal de dó polo acontecido. O acto concluíu cun forte aplauso en homenaxe aos afectados por este sinistro.

Ao remate o alcalde, Fernando Suárez, dixo que “foi unha tristura grandísima que tivésemos que vivir así este día nacional de Galicia, é dos días máis tristes da historia, que eu recorde, por unha fatalidade. Agardo que se axilice a investigación do ocorrido, todo apunta a unha causa humana, pero tampouco ninguén sabe dicir a causa concreta que provocou o desgraciado accidente”.

E engadiu que “facémoslles chegar desde a Corporación Municipal de Ribadeo de maneira unánime a todas as familias das vítimas o noso respecto, as nosas condolencias e a nosa mensaxe de ánimo. Sabemos que serve de pouco, pero somos un graíño máis de area de todo este universo de persoas, de institucións, etc, que nos solidarizamos con todos os afectados por este terrible accidente ferroviario”.