O presidente de Altruán, José Angel Fernández, explicou que “nós este ano a ruta tradicional de navegación que facemos propiamente oceánica entre a ría de Foz e La Caridad imos engadirlle o vindeiro sábado unha opción para a xente que non ten as destrezas adquiridas, pero si quere ao mellor iniciarse no piragüismo dunha forma moito menos complicada”. Haberá unha ruta para avanzados que discorrerá entre Viavélez e Ribadeo e outra denominada turística dentro da ría de Ribadeo, “compatible coa principal e enfocada para todo aquel que, sen ter a práctica e as destrezas que esixe unha ruta deste tipo, si quere aproximarse e facer que o deporte participativo sexa algo máis que un mero eslogan ou unha mera frase”.

Ata unhas corenta embarcacións se darán cita nesta VIII Concentración de Kaiak de Mar, “o que nos consolida coma unha das rutas de referencia de kaiak de mar que hai en Galicia e en todo o Cantábrico, sen quitarlle mérito á concentración de Malpica que terá lugar dentro dun par de semanas. Entre os inscritos hai unha rapaza que ven desde San Fernando (Cádiz), maior extensión de convocatoria é difícil”. Fernández engadiu que “é un deporte minoritario, que non elitista, ofrecemos un produto que é o noso litoral permitíndolle á xente aproximarse a el dunha forma máis novidosa e alternativa. É un recurso que explotamos porque a administración local sabe recoñecelo e grazas tamén ao esforzo e o compromiso persoal de moita xente que desinteresadamente permite que este tipo de iniciativas vaian para adiante”.

O concelleiro de Deportes, Vicente Castro, indicou que “nunca coma este ano houbo a actividade deportiva que se está a rexistrar en Ribadeo. Non lembro tal cousa. No caso do clube de piragüismo Altruán nunca tampouco fixeron tantas actividades coma neste verán, e nunca tantos éxitos acadaron coma nestes meses. No seu momento faremos un acto institucional e público de recoñecemento a todos os logros conseguidos”. Sobre a VIII Concentración de Kaiak de Mar sinalou que “é unha proba que está consolidada, xa é unha cita tradicional no verán de Ribadeo”. Castro subliñou tamén “o traballo que se está a facer desde as escolas deportivas municipais co piragüismo, cunha participación substancial e que incorpora a rapaces novos á práctica dun deporte que é minoritario nunha vila mariñeira e cunha ría coma a de Ribadeo. Parece que vai tomando un novo pulo a práctica deste tipo de deportes”.

A VIII Concentración de Kaiak de Mar Praia das Catedrais dará comezo ás 11 da mañá en Viavélez. A hora estimada da chegada ao porto de Ribadeo será ás dúas e media.