O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, este último en calidade de presidente do consello de administración do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) asinaron esta mañá un convenio para a posta en marcha dunha instalación de alumeado público en varias rúas de Ribadeo.

Dito convenio, a raíz do cal o INEGA achegará 36.000 euros para financiar este proxecto (o que representa o 100% do investimento necesario), enmárcase dentro da política desenvolvida polo Concello de Ribadeo e polo departamento autonómico que ten como obxectivo poñer en marcha medidas encamiñadas a conseguir unha redución do consumo enerxético, a fomentar o uso racional da enerxía e a impulsar a óptima xestión dos recursos enerxéticos galegos.

O rexedor ribadense destacou que, con este convenio, “Ribadeo poderá economizar gastos superfluos e aproveitar as últimas tecnoloxías”, algo que, segundo indicou “nos permite dar un servizo óptimo cun custe menor”.

Iluminación programada

Fernando Suárez engadiu que “o INEGA foi receptivo á petición que lle fixemos desde Ribadeo para substituir varios dos cadros que surten de alumeado público á practica totalidade da vila por outros máis modernos que se programen a partir de certa hora, rebaixando así a intensidade da iluminación e facendo que algunhas farolas se poidan desconectar en horas nas que práctimente ninguén está fóra, mais permitindo sempre que a xente poida circular con tranquilidade”. O alcalde ribadense dixo ademais que este proceso chegará ás parroquias, “quizás non a todas de golpe”, puntualizou o rexedor “pero sí que poderemos facer que se baixe a intensidade nunha parte para lograr un aforro enerxético importante”.

Suárez Barcia anunciou tamén que grazas a este convenio o Concello vai dotar de farolas ao camiño do cemiterio. A conexión actual fixéraa a escola taller anterior, pero, segundo indicou o alcalde “non tiñamos recursos para acometer esa instalación que agora sí realizaremos, resolvendo deste xeito o problema para maior tranquilidade de toda a xente que pasea pola zona”.