Os asistentes recibiron un manual de compostaxe doméstica no que se explican, entre outras cousas, as súas vantaxes: a eliminación ou redución do excesivo uso de fertilizantes químicos, a diminución da frecuencia de recollida dos contedores xenéricos por parte dos servizos municipais e do número de desprazamentos que cada veciño ou veciña realizará aos contedores. 

Na charla explicouse que a compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar, como é o caso de restos de comida e podas, obtendo un produto final, o compost, que pode ser utilizado como acondicionador de solos nos propios xardíns e hortas das vivendas que o fabrican.

Trinta veciñas e veciños levaron os seus composteiros para a casa. Deste xeito sumáronse a este programa de compostaxe doméstico. Xunto a eles estiveron o concelleiro e o técnico de Medio Ambiente, Jorge Díaz e Jaime Pérez.