A campaña programa accións dirixidas a primaria, onde haberá contacontos ou actividades de animación a partires de xaneiro de 2012; en primaria están previstos obradoiros de coeducación para os días 10 e 11 de novembro, un denomínase Xogos e xoguetes e consiste en traballar os estereotipos de xénero nos xoguetes como ferramenta de socialización co obxectivo de cocienciar aos rapaces e rapazas no uso non sexista do xogo e dos xoguetes, e o outro obradoiro Igualdade…: verdadeiro/falso pretende promover o pensamento crítico a través da rutura dos estereotipos de xénero;  e en secundaria desenvolveráse o III Concurso de Guións Cinematográficos Cine nas aulas para a promoción da corresponsabilidade, que irá desde novembro ata marzo do vindeiro ano. No caso dos guións o alumnado terá para elaboralos do 16 de novembro ata o 12 de xaneiro, do 13 ao 23 dese mes de 2012 será o prazo de resolución para o xurado, o período de adaptación e rodaxe irá do 24 de xaneiro ao 3 de febreiro, despois terá lugar a edición e montaxe da curta gañadora do 6 ao 29 de febreiro e xa a principios de marzo será a presentación pública da curtametraxe.

A concelleira de Igualdade e Muller, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “posto que o 25 de novembro se celebra o día en contra da violencia de xénero pensamos que a mellor maneira de facelo é traballar sensibilizando, coeducando en relación con esta problemática”. A edil nacionalista subliñou que “a primeira e a segunda curta que elaboramos estes anos atrás están colgadas na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade, pedíunola o Concello para que se poida empregar como recurso e como material didáctico entre todas aquelas persoas que o desexen da nosa comunidade ou das comunidades veciñas”.

Álvarez Latra explicou que “a Escola de Música de Ribadeo tamén está volcada e xa iniciou este proxecto o curso anterior como traballo da visibilización do que son as mulleres, fixemos unha edición En clave de muller, que tamén a Secretería Xeral de Igualdade está a utilizar como recurso de boas prácticas en diferentes congresos. En clave de muller é un concerto didáctico que versa sobre o coñecemento das mulleres na música, está feito pola Escola de Música en colaboración co CIM e o día 22 de novembro se presentará para toda a sociedade en xeral. No auditorio municipal ás 12 da mañá haberá unha actuación para os rapaces e rapazas dos centros de ensino e ás 20 horas para o público en xeral coincidindo co concerto de Santa Cecilia”.

A responsable de Igualdade e Muller engadiu que “ademáis os días 24 e 25 de novembro contaremos no noso concello coa presenza de Pamela Palenciano, actriz, locutora e muller que traballou moito sobre a sensibilización na violencia de xénero. Ela ten unha exposición de fotografías chamada No solo duelen los golpes, que vai estar en Ribadeo do 24 de novembro ata o 7 de decembro. A ubicación está por decidir. Imos completala con talleres para os centros de ensino pola mañá no Cine Teatro e para persoas adultas de 18 a 20 horas, que probablemente terán lugar na Casa das Letras, pero aínda está por concretarse”.