O rexedor explicou que “no día de onte volveuse reunir esta comisión que traballa para crear unha residencia de maiores en Ribadeo, que está composta polos diferentes portavoces dos grupos municipais da Corporación así como de representantes deste importante movemento asociativo e veciñal que tamén leva longo tempo traballando por unha residencia aquí, en Ribadeo”.

Suárez Barcia lembrou que “estas xuntanzas foran postas en suspenso durante a campaña electoral para non interferir nela e que ningún partido tirara desta circunstancia. Agora, despois da campaña electoral, o goberno que estaba na Xunta queda confirmado entón é necesario volver a traballar, volver a seguir xuntando os nosos esforzos, que a nivel municipal seguimos estando máis xuntos que nunca, entre todos os grupos da Corporación e entre os membros tamén deste movemento asociativo”.

O alcalde sinalou que “acordamos son varias cousas. A primeira delas é agardar a que o presidente da Xunta nomee novamente ao conselleiro ou conselleira do ramo, neste caso de Benestar, para inmediatamente, o día despois deste nomeamento, pedirlles formalmente que nos reciban, como tempo atrás nos tiñan prometido e nunca así o fixeron. Refírome a ser recibidos pola conselleira ou conselleiro deste ramo para plantexarlle a necesidade, que non vai a menos senón todo o contrario, vai a máis, de que Ribadeo aínda que é un sitio que medra, e así temos os datos, é un municipio que ten moita xente maior soa e que as capacidades que ten Ribadeo, como a residencia municipal rexida por unha congregación relixiosa, que funciona moi ben por certo, son absolutamente insuficientes para a demanda que Ribadeo ten”.

Fernando Suárez subliñou que “esta comisión reinicia, agora despois das eleccións autonómicas, a súa actividade e contamos que nos reciban unha vez constituído o novo goberno autonómico. E si non é así sí que a comisión acordou outra serie de medidas de presión, pero de momento a priori temos que dar o marxe de confianza que acordamos entre todos e todas nos”.