Na xuntanza celebrada esta tarde no Concello consensuouse un método de traballo para buscar entre todos, máis aló de cuestións partidarias, unha maneira posible, viable e comprometida de dotar a Ribadeo dunha residencia de maiores. No encontro de hoxe analisóuse o estudo realizado polos Servizos Sociais do Concello, no que queda patente a necesidade que ten Ribadeo de contar con este centro desde unha perspectiva económica e social. Ese estudo está aberto a posibles modificacións e aportacións de todos os membros da comisión hoxe constituida. Nesta xuntanza tamén quedou clara a necesidade de buscar a colaboración entre as distintas administracións, dada a situación económica e global pola que se está a travesar, e na que ninguén en solitario poderá ser quen de conseguir levar adiante este importante proxecto.

No estudo analisado esta tarde déronse a coñecer datos interesantes. En Ribadeo hai 545 persoas maiores de 65 anos que viven soas. Ribadeo supera así a media galega que se atopa no 22%, mentras que aquí se sitúa no 23,8% da poboación. Éste é un dos catro concellos de provincia de Lugo que medra demográficamente. O estudo tamén recolle que Ribadeo dispón de 2,87 prazas residenciais por cada 100 maiores de 65 anos, fronte ao 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde. E reflicte que un número importante de anciáns ribadenses viven en residencias públicas e privadas noutros concellos da provincia. Tamén se desprende de dito estudo que o prezo das prazas privadas nestas residencias non públicas é demasiado alto para as pensións que os posibles usuarios perciben e que se sitúan como media nos 824 euros. Outro dato analisado esta tarde é que do total de 686 discapacitados físicos, psíquicos e sensoriais que hai en Ribadeo, 234 son maiores de 65 anos.

A comisión para a creación dunha residencia da terceira idade de Ribadeo voltará a reunirse o vindeiro 2 de novembro. Namentras comezará as xestións para manter unha entrevista coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.