O director da EMMeD, Hugo García Presno, dixo que “estamos moi satisfeitos porque o número de matrículas mantense estable nos últimos anos, o que nos demostra que o traballo que se fai na Escola está sendo positivo, a xente está contenta, repiten e animan a novos alumnas e alumnas a formar parte do centro”.

No horizonte destes nove meses de curso que ten por diante a EMMeD de Ribadeo hai programadas un feixe de actividades, dende os clásicos festivais de Santa Cecilia, Nadal, a charanga de Entroido, o fin de curso ou os concertos didácticos ata novas propostas que se irán anunciando ao longo dos meses e que manterán a liña de transversalidade e colaboración con outras entidades dos últimos anos. “A idea é facer da EMMeD de Ribadeo un centro vivo e conseguir que as alumnas e alumnos non só aprendan conceptos musicais teóricos senón que teñan oportunidade de amosalos enriba dun escenario, que podan compartir experiencias con xente doutras escolas, participar en actividades que vaian máis aló da música e que incorporen a igualdade, a solidariedade, a convivencia…”, comenta Hugo García.

O director da EMMeD amosou tamén o seu agradecemento ao Concello de Ribadeo, en especial á súa Delegación de Cultura, polo “apoio amosado en todo momento ao traballo da EMMeD. Resulta moi alentador contar con este respaldo ao noso traballo máxime cando vemos que outros centros pechan por falta de apoio institucional ou teñen que recorrer á privatización para poder seguir adiante”. Malia que o curso xa está iniciado aínda se mantén aberto o prazo de matrícula para todas as persoas que queiran inscribirse na EMMeD de Ribadeo.