O edil de Mocidade sinalou que “onte púxose en marcha na Casa da Xuventude de Ribadeo o Café de Idiomas, que é unha actividade impulsada desde a Concellaría de Mocidade e dirixida a todas as persoas interesadas en practicar de xeito informal e diferente linguas coma inglés, francés, alemán, italiano, español e galego”. Campos indicou que “onte luns comezamos co grupo de inglés, no que xa hai apuntadas 10 persoas e nos vindeiros días poñeránse en marcha outros grupos, coma o de italiano”.

O concelleiro de Mocidade subliñou “a boa acollida que está a ter esta actividade da Concellaría de Mocidade, que contou coa colaboración para a súa difusión da Escola de Idiomas de Ribadeo. É unha actividade aberta a todos os idiomas, calquera lingua pode ser obxecto de que se monte un grupo de conversa informal, sempre e cando contemos cun número mínimo de persoas interesadas nel”.

Os interesados en obter máis información ou en clarexar dúbidas deben poñerse en contacto coa Casa da Xuventude, “desde onde contestaremos todas as cuestións que nos queiran facer”.