Hoxe se inician os traballos de pintado dos pasos de peóns en Ribadeo, segundo ven de anunciar o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor considera que hai tempo que precisaban este traballo de mantemento, que se retardou por cuestións meteorolóxicas. Suárez Barcia explica que este ano, a diferencia de noutras ocasións, non se renovará a pintura con pistola senón con paleta.

 

A diferencia entre ambas as técnicas reside no grosor da capa de pintura aplicada: a pistola só aporta unha película dunhas poucas micas. Polo tanto, coa solución elexida este ano, que o alcalde cualificou como “máis ambiciosa”, preténdese unha maior duración da sinalización e polo tanto maior seguridade para vehículos e peóns. Deste xeito, o rexedor municipal xustificou a elección dunha técnica de custe máis elevado. Os traballos de pintado dos pasos de peóns realízanse en coordinación coa policía local.

Zona azul gratuíta

Ademais do pintado dos pasos de peóns, a partir do mércores levarase a cabo a sinalización da zona azul gratuíta en Doutor Moreda. O sistema, aprobado recentemente no pleno, está xa vixente ao ter superado a fase de exposición pública sen que se presentasen alegacións. Para a súa posta en marcha só falta pintar os sinais horizontais e colocar os verticais.

Esta Ordenanza de Regulación do Aparcamento pretende ser un acicate para o dinamismo da ampla zona comercial que comprende desde a rúa citada ata as inmediacións da Praza de Abastos. Con este sistema limitarase o tempo de estadía dos vehículos, aínda que de xeito gratuíto. Así, as 70 prazas de aparcamento non poderán estar permanentemente ocupadas polos mesmos coches.