Hoxe dan comenzo en Ribadeo as obras de rehabilitación e mellora das rúas Calvo-Sotelo e Amando Pérez. No primeiro dos casos a empresa encargada é Naray de Foz e no segundo Xestión Ambiental de Contratas. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “estas dúas rúas que xa foran licitadas hai un tempo responden a unha serie de plans estratéxicos diferentes”. Por un lado, aludindo á rúa Calvo Sotelo, Suárez dixo que se trata de conseguir unha nova zona para peóns e unha actuación coa que dinamizar o comercio, sinalando que para esta actuación o Concello conta co apoio económico da Consellaría de Innovación e Industria. No que respecta á rúa Armando Pérez, á que se unirán nuns días as rúas Trinidad, Fontecabada e Viejo Pancho, trátase dun “convenio asinado coa Consellaría de Vivenda para revitalizar o noso casco vello” segundo sinalou o acalde.
Suárez Barcia considera que estas obras poderían ter unha duración de dous meses, motivo polo que pediu desculpas por adiantado a todos os veciños e veciñas que poderían sufrir algunha molestia. “Antes de que remate o ano”, engadiu o alcalde, “agardamos que unha parte importante destas obras estén rematadas e desde logo o avance cuantitativo e cualitativo, en canto a calidade e en canto a ter metros de vía rematados e perfectamente actualizados, será grande”.
Importante investimento
O conxunto de todas estas obras Calvo Sotelo, nesta primeira fase, Amando Pérez, Trinidad, Fontecabada e Viejo Pancho suporán un investimento duns 600.000 euros financiados na súa maior parte polas Consellarías de Vivenda e Industria, “por iso lles estamos moi agradecidos xa que o Concello non chega a unha achega media do 30% de inversión” concluíu o rexedor ribadense.
Contratación do gas
Fernando Suárez advertiulles tamén aos veciños de que “se van soterrar os servizos que agora estaban aéreos coma o cabreado da luz, do teléfono… e tamén o gas naqueles sitios onde a compañía o estime oportuno”. Neste sentido o alcalde dixo que se lle “agradece a todos os veciños que desexen contar con gas que llo demanden xa á empresa subministradora porque unha vez rematadas as obras vai ser moi difícil, ou practicamente imposible, volver a levantar os pavimentos”.